A XUNTA OFRECE MÃIS DE 1,25 MILLÓNS DE METROS CADRADOS DE SOLO EMPRESARIAL CON BONIFICACIÓNS DE ATA O 50% NO PREZO DE VENTA


A XUNTA OFRECE MÁIS DE 1,25 MILLÓNS DE METROS CADRADOS DE SOLO EMPRESARIAL CON BONIFICACIÓNS DE ATA O 50% NO PREZO DE VENTA

  • O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe que fai balance do programa de venda de parcelas a prezos bonificados promovido por Xestur e o IGVS no período 2015-2018 e no que se recollen tamén os incentivos previstos para 2019
  • As empresas que mercaron parcelas nos tres últimos anos beneficiáronse de descontos por un importe total de 46,59 millóns de euros e o valor do solo adxudicado en dereito de superficie superou os 13,6 millóns de euros
  • Dende a implantación deste tipo de incentivos por primeira vez no ano 2015, adxudicáronse xa máis de 1,45 millóns de metros cadrados en toda Galicia e estímase que grazas a estas operacións, o investimento a realizar polas empresas beneficiadas superará os 375 millóns de euros
  • O concurso de venda con bonificación de parcelas propiedade de Xestur para este ano publicarase o 15 de febreiro e o prazo para a presentación de ofertas por parte dos interesados estará aberto durante un mes
  • O IGVS tamén dispón de 322.285 metros de solo empresarial urbanizado que se pode adquirir en calquera momento e nas mesmas condicións fixadas en 2015
A Xunta porá a disposición das empresas galegas ou daquelas de fóra interesadas en asentarse na comunidade máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial con prezo de venta bonificado nun 50% ou nun 30%, dependendo da zona onde se empracen as parcelas. Así se recolle no informe presentado esta mañá ao Consello da Xunta con motivo da convocatoria por parte de Xestur do concurso para a venda de 929.422 metros cadrados de solo empresarial, aos que hai que sumar outros 322.285 metros de parcelas industriais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e dispoñibles para adxudicar.

Con estes novos incentivos, a Xunta dálle continuidade á política de bonificación de prezos do solo empresarial impulsada en 2015 a través do IGVS e da empresa pública Xestur Galicia co obxectivo de facilitar o acceso ao mesmo ás empresas interesadas en asentarse nun parque empresarial da comunidade ou en ampliar instalacións xa existentes. Na mesma liña, a partir do ano 2016 ofreceuse tamén a posibilidade de adxudicación de solo en forma de dereito de superficie, unha modalidade que lle permite ás empresas acceder a novas parcelas mediante o pago dun canon anual moi reducido por metro cadrado.

O resultado de ambas medidas foi a reactivación das adxudicacións de solo empresarial nos parques dependentes da Xunta de Galicia, cun balance de máis de 1,45 millóns de metros cadrados asignados entre os anos 2015 e 2018, dos cales 1,3 millóns foron adxudicados en réxime de compravenda e 148.815 en dereito de superficie.

Así mesmo, as bonificacións ás operacións de compravenda realizadas durante os tres últimos anos ascenden ata os 46,59 millóns de euros, mentres que o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie supera os 13,6 millóns de euros. Deste xeito, a aposta da Xunta de Galicia por incentivar a actividade das empresas galegas pola vía do estímulo á adquisición de solo traduciuse nuns 60 millóns de euros no período que vai de 2015 a 2018.

Esta política de bonificacións e acceso ao solo en dereito de superficie permitiu nos últimos tres anos o fomento da actividade empresarial e a creación de riqueza e postos de traballo, ao tempo que incentivou ás empresas a asentarse en espazos especificamente creados para elas ou a trasladarse desde emprazamentos pouco axeitados para a súa actividade.

Así, o investimento estimado que realizarán as empresas adxudicatarias de solo bonificado ou en dereito de superficie propiedade da Xunta ascende a máis de 375 millóns de euros e grazas a el, calcúlase que se posibilitará a creación de máis de 6.100 postos de traballo.

Concurso de venda de Xestur

Polo que respecta ás previsións para este ano, o consello de administración da empresa pública Xestur vén de aprobar un novo concurso público para a venta bonificada dun total de 929.422 metros cadrados de solo empresarial. A partir do 15 de febreiro e durante un mes, as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas co fin de adquirir algunha das parcelas propiedade de Xestur emprazadas nos seguintes parques empresariais:

PARQUE

NÚMERO PARCELAS

SUPERFICIE m2

BONIFICACIÓN %

A Sionlla (Santiago de Compostela)

77

356.363,50

30

Negreira

8

15.585,00

30

Arzúa

2

5.083,00

30

Bértoa (Carballo)

29

93.417,00

50

Cedeira

36

38.677,00

50

Ortigueira

44

52.126,00

50

PROVINCIA DA CORUÑA

196

561.251,5

Cervo

15

27.843,37

50

As Gándaras (Lugo)

4

46.945

50

Guitiriz

1

4.834

50

Viveiro

14

37.944,06

50

PROVINCIA DE LUGO

34

117.566,43

Central de Transportes de San Cibrao das Viñas

1

5.338,00

50

Vilamarín

12

18.721,39

50

Pereiro de Aguiar

7

12.978

50

PROVINCIA DE OURENSE

20

37.037,39

A Veigadaña (Mos)

11

64.359,00

30

A Reigosa (Ponte Caldelas)

13

127.678,44

30

Lalín

3

8.555,00

30

Silleda

4

12.974,66

30

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

31

213.567,1

TOTAL GALICIA

281

929.422,42

Unha vez resolto o concurso público de venta, as parcelas que non sexan adxudicadas por falta de licitadores poderán ser asignadas a quen as solicite mediante adxudicación directa e en todo caso, polo mesmo prezo que rexeu durante o concurso.

Oferta de solo propiedade do IGVS

A maiores, cómpre lembrar que tamén o Instituto Galego da Vivenda e Solo dispón de 322.285 metros cadrados de solo empresarial susceptibles de ser adxudicados en calquera momento en réxime de compravenda bonificada ou en dereito de superficie, e nas mesmas condicións e prezos fixados no concurso que fora convocado en 2015.

A oferta do IGVS céntrase en 15 parques empresariais: As Somozas, Melide e Pontedeume, na provincia da Coruña; Bóveda, Lourenzá, Porto Seco de Monforte, Monterroso e Xermade, na de Lugo; O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Central de Transportes de San Cibrao das Viñas, en Ourense; e Central de Transportes de Ponte Caldelas, localizada na provincia de Pontevedra. En todos eles a bonificación a aplicar sobre o prezo de venta das parcelas será do 50%, a excepción do parque empresarial de Melide e da Central de Transportes de Ponte Caldelas, nos que esta porcentaxe situarase no 30%.

En conxunto, o solo empresarial propiedade tanto do Instituto Galego de Vivenda e Solo como de Xestur dispoñible para a súa adxudicación en réxime de compravenda ou en dereito de superficie suma un total de máis de 1,25 millóns de metros cadrados.

Por outra parte, cómpre engadir que ao longo de 2019 está prevista a convocatoria do concurso de venda da primeira fase do parque empresarial de Morás (Arteixo), cunha superficie total de 133.765 metros cadrados. E máis alá do solo propiedade da Xunta, este ano iniciarase tamén a comercialización de 400.000 metros cadrados de solo na PLISAN, promovida polo IGVS, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca de Vigo.

Por último, tamén está en desenvolvemento a ampliación do polígono industrial de Xinzo de Limia, actualmente en fase de expropiación dos terreos e que permitirá a medio prazo, unha vez acometidas as obras de urbanización, dispoñer de 86.000 metros cadrados máis neste parque.